Que é a saúde mental?

Empezar por aquí é básico para non confundir termos e concretar a que nos referimos cando falamos de persoas con problemas de saúde mental ou trastorno mental. A OMS define “saúde” como o estado de completo benestar físico, mental e social, non só á ausencia de afeccións ou trastornos. Isto significa que o concepto de “saúde mental” está relacionado coa promoción do benestar físico e psíquico, a prevención de trastornos mentais e o tratamento e recuperación das persoas con problemas de saúde mental.

A saúde mental é, polo tanto, algo que temos que coidar. Prestarlle atención será o primeiro paso para detectar, chegado o caso, un posible problema destas características e afrontalo. Ter problemas de saúde mental non ten nada que ver con debilidade de carácter, nin é culpa da persoa. Un problema de saúde mental non impide, nin moito menos, ter unha vida plena, conseguir un traballo, formar unha familia ou gozar de calquera aspecto da vida.

Non adoita haber unha soa causa. Por regra xeral, para que apareza un problema de saúde mental, debe darse unha combinación de factores xenéticos, da contorna social e de experiencias vividas.

A maioría dos problemas de saúde mental adoitan iniciarse na adolescencia e mocidade ou tras sufrir algún suceso traumático como perder un traballo, a morte dun familiar, unha separación ou un desafiuzamento. Aínda que pode haber persoas con máis predisposición xenética que outras a ter un trastorno mental, todos estes factores poden desencadealo:

  • O abuso de substancias farmacolóxicas
  • O alcol e as drogas
  • O estrés
  • Unha vida familiar disfuncional
  • Situacións de exclusión social
  • Situacións de abusos
  • As situacións sobrevindas
  • Malos hábitos nutricionais
  • As expectativas culturais e/ou sociais

Por iso, é fundamental ter claro que todas as persoas podemos ter ao longo da nosa vida algún tipo de trastorno mental. Tamén, que a saúde mental pode recuperarse ou mellorarse e que as persoas con trastornos mentais estudan, traballan, teñen familia, fillos, amigos e exercen os seus dereitos e obrigacións como o resto da cidadanía.

Os problemas de saúde mental non supoñen ningún impedimento para poder levar unha vida normalizada e estar plenamente integrado na sociedade, sempre que se conte cos apoios necesarios. Por iso é polo que unha atención individualizada e continua, así como a eliminación das barreiras sociais invisibles (prexuízos, estigma…), son elementos fundamentais para garantir a igualdade de oportunidades.

PARA
TELO
CLARO…

SAÚDE MENTAL

  • É un estado de benestar
  • É imprescindible. Non hai saúde sen saúde mental
  • Permite ser consciente das capacidades individuais
  • É algo que hai que coidar
  • Posibilita afrontar as tensións normais da vida

TRASTORNO MENTAL

  • Non é unha culpa nin un castigo
  • Non é sempre hereditario
  • Non é sempre contaxioso
  • Non significa menor capacidade intelectual
  • Non ten que ser algo crónico
  • Non converte ás persoas en seres perigosos nin imprevisibles

A CRISE TAMÉN PREXUDICA O BENESTAR MENTAL

É unha das principais causas de baixa laboral nos países desenvoltos, xa que fomenta a aparición de depresión e ansiedade. Na última década, incrementouse un 57 %1 o consumo de ansiolíticos en España e os trastornos do estado de ánimo aumentaron un 19,4 % entre 2006 e 2010, e os trastornos de ansiedade un 8 % 2.

(1) Fonte: Organización de Consumidores y Usuarios (OCU).
(2) Fonte: Crisis económica y salud mental. Informe SESPAS 2014.

Todas as persoas temos probabilidades de vivir cun trastorno mental, do mesmo xeito que ocorre con moitos outros tipos de problemas de saúde. De feito, unha de cada catro persoas pode ter un trastorno mental ao longo da súa vida. Aínda que teóricamente poida haber persoas con máis predisposición que outras a telos, os factores ambientais poden afectar de forma determinante na aparición de trastornos mentais, co que todas estamos expostas.

Aínda que seguro que nalgún momento da nosa vida experimentamos sentimentos de tristeza, ansiedade, insomnio etc. estes síntomas só se considerarán un trastorno mental cando provoquen un comportamento social desaxustado (é dicir, un deterioro significativo social, laboral ou doutras áreas importantes da actividade do individuo), causen un importante malestar subxectivo e sexan persistentes no tempo.

Un estilo de vida saudable e unha alimentación sa, con ritmos tranquilos, realizando exercicio físico regularmente, evitando o estrés e o consumo de sustancias tóxicas, axuda a previr os problemas de saúde mental.

CREO QUE ALGO NON VAI BEN, A QUEN PODO ACUDIR PARA QUE ME ORIENTE?

Como con calquera outro problema de saúde, ante os primeiros signos de que unha persoa pode ter un problema de saúde mental é aconsellable dirixirse ao persoal médico de atención primaria para consultar as túas dúbidas.

Os centros de atención primaria son a porta de acceso ao sistema sanitario e desde aquí valorarase a necesidade de derivarnos aos centros de saúde mental para recibir apoio.

Canto antes poida solicitarse a axuda, mellor será a evolución do problema de saúde que nos afecta. Neste sentido a detección e o diagnóstico precoz son fundamentais no desenvolvemento dos problemas de saúde mental.

Ademais de nos dispositivos sanitarios, podes completar a orientación e a información na Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA, que ofrece un servizo individualizado de información e asesoramento gratuíto sobre saúde mental. Se non te sentes con forzas e/ou ánimo para pedir axuda no teu centro de atención primaria, quizais poidas utilizar outro tipo de recursos, como os grupos de apoio mutuo e o movemento asociativo dedicado á saúde mental.

Existen moitas formas de afrontar e vivir a irrupción dun problema de saúde mental. Tantas como persoas. Inicialmente, ninguén está preparado para asumir este impacto e a noticia obriga a persoa a asumir cometidos para os que habitualmente non está preparada.

Por iso, hai unha serie de necesidades que, independientemente do tipo e da intensidade do trastorno, son básicas para calquera persoa que se enfronta a esta noticia:

  • Ser aceptada na súa diversidade.
  • Respecto da súa propia capacidade de decisión.
  • Ter autonomía para desenvolver tarefas.
  • Protección dos seus dereitos.
  • Información sobre o trastorno mental.
  • Información legal.
  • Atención socio-sanitaria.

A familia e a contorna máis próxima da persoa cun problema de saúde mental tamén sofren os efectos do diagnóstico.

Eles tamén necesitan tempo para interiorizarlo, xa que algúns trastornos mentais poden supoñer importantes desaxustes no conxunto familiar e social, así como a aparición de sentimentos moi complexos e contradictorios como poden ser a culpabilidade (respecto de si mesmos e á persoa con trastorno mental), a negación, o catastrofismo ou a desesperanza.

Ante iso, o máis importante é a información e formación en saúde mental, dispoñer dunha rede social e contar co apoio socioeconómico, sanitario e profesional adecuado. Xa que independentemente destes sentimentos, todos eles lóxicos, non podemos obviar que, na maioría dos casos, a familia pasa a asumir o rol de rede coidadora carecendo da formación e dos recursos necesarios.

A crenza xeneralizada de que os problemas de saúde mental están intimamente relacionados coa violencia non ten base científica algunha.

Non é certo que as persoas con trastornos mentais sexan máis agresivas nin teñan máis probabilidades de cometer actos violentos nin delituosos que as persoas sen estes problemas.

Tampouco que sexan perigosas para a sociedade. De feito, ocorre en máis ocasións que estas persoas sexan vítimas de agresións, malos tratos e abusos que responsables dun acto violento.

Os sucesos esporádicos nos que unha persoa con trastorno mental comete actos de violencia —ben cara a eles mesmos (incluído o suicidio), ben cara á súa contorna familiar ou social—, débense na súa inmensa maioría a que esta persoa non recibe ningunha atención nin apoio ou son escasos. En ocasións, malia ter realizado esforzos pola súa banda ou a do seu círculo máis próximo para obter atención sanitaria.

Por iso é fundamental que, no ámbito sanitario, se realicen seguimentos individuais e continuados no tratamento a todas as persoas con trastorno mental.

No ámbito social e cultural, tamén é vital que os medios de comunicación informen dos problemas de saúde mental desde un punto de vista positivo e non excluínte.

Relacionar os sucesos violentos cos trastornos mentais non só é falso na maioría das ocasións senón que, ademais, fai que se perpetúen ideas como que as persoas con trastorno mental son violentas, agresivas e que actúan de forma irracional.

PARA
TELO
CLARO…

VÍTIMA OU VERDUGO?

Ter un trastorno mental non converte á persoa en alguén máis violento. En moitas ocasións, confúndense as causas reais dunha agresión ou conduta violenta, relegándoa a un problema psiquiátrico, cando pode deberse a outras causas:

  • Situacións de defensa persoal
  • Problemas socio-económicos
  • Consumo de droga
  • Violencia de xénero

Nalgúns casos, os actos violentos poden ser consecuencia dunha desatención social e sanitaria.

Malia que normalmente se confunden, son completamente diferentes. Un problema de saúde mental non supón unha menor capacidade intelectual.

MITO:

“O trastorno mental supón menor grao de intelixencia”.

REALIDADE:

Un problema de saúde mental non ten nada que ver con menor capacidade intelectual