Testemuños en primeira persoa

Queres saber que pensan e senten as persoas con problemas de saúde mental con respecto á información que se publica nos medios?

VÍCTOR VALADÉS

“É incrible que no ano 2018 aínda se fale da experiencia en saúde mental dunha forma negativa ou non se entenda que teñamos dereito a traballar e a vivir na comunidade.

 Creo que o estigma é difícil de erradicar. Ninguén sabe o que sofre unha persoa con experiencia en saúde mental e son de gran apoio iniciativas como esta guía”.

ISABEL QUINTAIROS

“Necesito que as informacións teñan en conta a miña dor e a dos meus achegados cando se fale dos problemas de saúde mental como desencadenamento de violencia ou delincuencia.

 Non son violenta. Non vou facer dano a ninguén. Podo ser unha persoa que comete un delito e ademais ten un problema de saúde mental, como podería ter diabetes ou hipertensión. Pero nunca escribiredes que unha diabética ou unha hipertensa atacou ao seu médico. Pois eu tampouco.  

 Coñéceme. Pregúntame. Non teño ningún problema en contarche a miña experiencia, pero non presupoñas, imaxines nin creas as historias das películas. Se profesional, fala comigo. Nin sequera coas persoas que me diagnostican, me axudan ou me coidan. Podo explicarche o que non saibas, eu son a miña maior experta”.

JOSE LUIS HERRERA

“Unha guía de boas prácticas para os medios de comunicación é esencial para erradicar mitos e prexuízos sobre a saúde mental, para falar positivamente das experiencias das persoas que teñen algún problema e enviar unha mensaxe clara de que existe a recuperación. Desgraciadamente, nos medios de comunicación hai moi pouca formación sobre como tratar o tema da saúde mental. 

É moi importante usar unha linguaxe inclusiva e non estigmatizante, por exemplo. Se falamos de psicose o primeiro no que pensa á xente é na famosa película de Alfred Hitchcock, cando psicose non ten nada que ver con ser psicópata, por exemplo…”.

DIEGO YEPES

“Cáusame moita dor cando aparecen noticias sobre saúde mental nos medios de comunicación, sobre todo as que falan de sucesos ou traxedias como a de “German Wings”. Creo que forman un estereotipo moi negativo das persoas con problemas de saúde mental e isto hai que combatelo. Péchannos as portas do traballo e da nosa integración na sociedade e condúcenos ao illamento. É moi doloroso”.

COMITÉ AFESA SALUD MENTAL ASTURIAS

“Os medios seguen tratando o tema da saúde mental como algo raro, segredo, escuro e alleo ao cotián.

 Vivimos nunha sociedade de présas, ansiedade e tensión xeneralizadas. As doenzas psiquiátricas serán a primeira causa de incapacidade nas próximas décadas. Non se pode mirar para outro lado ou enfocar só a carencia de saúde mental desde unha óptica de anormalidade, perigo social ou negatividade. É sempre esixible máis normalidade e amabilidade no tratamento desta temática humana e social, pois é algo que nos toca de cheo a tod@s”.

MARÍA ISABEL GARCÍA

“Un tratamento correcto e non estigmatizante da saúde mental nos medios de comunicación é importante e fundamental, porque estamos a falar de saúde. O enfoque debe ser positivo e respectuoso e, para falar con respecto e positividade da saúde mental, os medios de comunicación teñen que estar preparados e sensibilizados para tratar estes temas.

 Cando vexo titulares estigmatizantes nun medio de comunicación sinto que me fere a sensibilidade e é doloroso, o cal me reafirma en que aínda temos moito traballo por facer para conseguir cambiar o enfoque que se segue dando sobre saúde mental”.