A linguaxe

Todos os titulares que aparecen nesta guía son exemplos reais e publicados en distintos medios de comunicación españois.

“La genialidad y el trastorno mental, a un paso”

O PROBLEMA: Ter prexuízos e concepcións erróneas

A SOLUCIÓN: Documentarse antes de reproducir estereotipos

A pesar da falta de tempo coa que nos atopamos no noso día a día, é fundamental facer un traballo de documentación para evitar reproducir estereotipos, ideas antigas e falsas crenzas que perpetúan o estigma en saúde mental. O principal problema é non chegar nin sequera a cuestionarnos se o que estamos a piques de reproducir se axusta á realidade. Cando evitamos transmitir prexuízos, estamos a contribuír á inclusión destas persoas na sociedade.

Para iso, debemos ter claro que as persoas que teñen este tipo de trastornos:

  • …non son violentas e/ou agresivas debido ao seu problema de saúde mental.
  • …non son irracionais.
  • …poden traballar, ter fillos e amizades, igual que calquera outra persoa.  
  • …non teñen unha dobre personalidade.
  • …non teñen por que ser xenios ou artistas.

PARA
TELO
CLARO…

QUE ENTENDEMOS POR PROBLEMA DE SAÚDE MENTAL

  • Ezquizofrenia
  • Trastorno bipolar
  • Trastorno límite de personalidade (TLP)
  • Depresión
  • Ansiedade
  • Trastornos de alimentación

QUE NON É UN PROBLEMA DE SAÚDE MENTAL

  • Demencia / Enfermidade de Alzheimer
  • Dano cerebral adquirido
  • Autismo / Síndrome de Asperger
  • Síndrome de Down
  • Epilepsia
  • Enfermidades neurodexenerativas

Un enfermo mental pide en el Congreso eliminar estigmas

O PROBLEMA: Falar de “enfermos e enfermas mentais

A SOLUCIÓN: Falar de “persoas con problemas de saúde mental

As persoas definímonos segundo numerosos aspectos da nosa vida: a idade, o emprego, as relacións sociais, o estilo de vida… Falar de “enfermos mentais” é reducir á persoa a unha soa das súas circunstancias. Esta etiqueta resignifica toda a súa vida pasada e futura, converténdoa nunha soa cousa: a enfermidade, marcando así a noticia.

Ademais, aínda que o termo “enfermidade mental” parece algo neutro, o certo é que leva implícitos moitos estereotipos negativos que inevitablemente acaban vinculándose á persoa.

Para evitar isto, podemos substituír o termo “enfermos e enfermas mentais” por “persoas con problemas de saúde mental” ou “persoas con trastornos mentais”. Desta forma, mostramos o problema de saúde mental como unha circunstancia máis da persoa.

“El Supremo reconoce a un esquizofrénico orensano su derecho a votar”

O PROBLEMA: Etiquetar ás persoas sustantivando a súa condición

A SOLUCIÓN: Mostrar ás persoas (cun problema de saúde mental) de forma integral.

As persoas, sas ou enfermas, son ante todo persoas. As persoas con problemas de saúde mental, do mesmo xeito que calquera outro individuo, teñen múltiples facetas (laboral, persoal, familiar etc). Por iso, non se deben mostrar de forma unidimensional.

Por tanto, debe evitarse etiquetar os individuos sustantivando a súa condición: “un esquizofrénico”, “un depresivo”, “unha anoréxica” etc. O feito de empregar esta linguaxe contribúe ao estigma, xa que reduce a persoa a unha única característica: o seu trastorno mental, cando se trata dunha circunstancia máis da súa vida. Da mesma forma que dificilmente oiremos falar dun “sidoso” ou dun “canceroso” para referirnos a persoas con estas doenzas, a recomendación é non usalo tampouco no caso da saúde mental.

“La esquizofrenia del PSOE: los socialistas se alegrarán si Rajoy es investido”

“Aluvión esquizofrénico de goles en Dortmund”

O PROBLEMA: Uso inapropiado de termos da saúde mental noutros contextos

A SOLUCIÓN: Coidar a linguaxe para non frivolizar

Especialmente en artigos de opinión ou na sección de deportes e cultura (onde a liña divisoria entre información e opinión non é tan precisa), úsanse en ocasións elementos e terminoloxía do campo médico para describir situacións, persoas ou cousas que nada teñen que ver cos problemas de saúde mental. Por exemplo, no caso da esquizofrenia, úsase a miúdo para adxectivar unha situación caótica, irracional, extravagante etc.

Existen outras moitas expresións que transmiten o mesmo significado e non contribúen á estigmatización. O uso inapropiado e pexorativo destes termos fai que as persoas que teñen estes trastornos poidan sentirse ofendidas, á vez que prexudica a imaxe social das persoas cun problema de saúde mental.

MITO:

“Todas as persoas con problemas de saúde mental son xenios ou artistas”.

REALIDADE:

As persoas con problemas de saúde mental non teñen por que destacar en ningún campo artístico.

La traumática vida de Sinead O’Connor: maltratos, vejaciones y un trastorno bipolar

O PROBLEMA: Titulares alarmistas ou morbosos

A SOLUCIÓN: Falar con naturalidade dos problemas de saúde mental

A miúdo nos titulares sintetízase a información de maneira incorrecta e simplista. Nos últimos anos, co auxe da internet, dos medios dixitais e das redes sociais, esta situación é cada vez máis común, xa que son os titulares máis rechamantes os que conseguen máis visitas e, polo tanto, os que xeran máis retorno de investimento. Isto, unido á inmediatez dos medios dixitais, provoca que os titulares poidan cobrar un carácter alarmista e morboso.

É necesario falar dos problemas de saúde mental con naturalidade, do mesmo xeito que se fai cunha gripe, un traumatismo ou unha discapacidade física. As dificultades de saúde mental son un problema de saúde máis, e así deben ser tratadas a nivel mediático. Para iso, as persoas con problemas de saúde mental poden mostrarse en situacións normais e correntes na comunidade: fogar, traballo, lecer ou situacións sociais. Tampouco é conveniente establecer contraposicións entre “persoa cun problema de saúde mental” e “persoa normal”.

El Congreso reconoce el derecho a votar de 100.000 discapacitados intelectuales*”

O PROBLEMA: Confundir o “trastorno mental” con outro tipo de discapacidades

A SOLUCIÓN: Recorrer a fontes veraces para transmitir información exacta

En xeral, existe unha notable confusión entre o que é un trastorno mental e outro tipo de problemas de saúde que poden implicar discapacidade. O resultado é que a información que se transmite adoita ser inexacta ou errónea.

Un problema de saúde mental é unha alteración de tipo emocional, cognitiva e/ou do comportamento na que quedan afectados procesos psicolóxicos básicos como son a emoción, a motivación, a cognición, a conciencia, a conduta, a percepción, a aprendizaxe ou a linguaxe. Isto dificulta a adaptación da persoa á contorna cultural e social na que vive, e crea algunha forma de malestar subxectivo. Nalgúns casos pode causar discapacidade, pero con atención adecuada, moitas persoas con problemas de saúde mental manteñen a súa autonomía e capacidades persoais, sen presentar situación de dependencia algunha.

* Nota: Esa cifra é en realidade a suma de persoas con discapacidade intelectual, persoas con problemas de saúde mental e persoas con deterioración cognitiva, os tres colectivos aos que beneficiou a reforma electoral).