As voces

Moi poucas veces a información provén directamente de persoas con problemas de saúde mental. Nalgunhas ocasións pode vir de familiares destas persoas, aínda que maioritariamente, as fontes de información adoitan ser institucións públicas e do mundo médico-científico. Incúmprese así a regra xornalística de dar voz ás persoas implicadas nunha información.

É a nosa obrigación deixar que falen as protagonistas, para que acheguen a súa experiencia propia en primeira persoa. Coñecer o seu testemuño e deixarlles un espazo non como vítimas ou meros suxeitos pacientes, senón como protagonistas, donas das súas vidas e cos mesmos dereitos e obrigacións que o resto de persoas.

A proximidade e o coñecemento directo de quen ten problemas de saúde mental é fundamental para desmontar estereotipos e prexuízos negativos e falsos, xa que axuda a ver máis á persoa e menos á etiqueta. As persoas afectadas deben poder contar directamente a súa propia historia, mostrar a súa opinión e ofrecer o seu punto de vista e a súa experiencia aos medios de comunicación.

O estigma é unha das barreiras invisibles máis importantes que as persoas con problemas de saúde mental teñen que superar para lograr que o seu proceso de recuperación sexa posible. Unha das mellores maneiras de combatelo é coñecendo de primeira man ás persoas que tiveron ou teñen estes problemas, escoitando as súas voces e as súas experiencias.

Son máis as cousas que temos en común que as que nos separan, e non só porque unha de cada catro persoas poida chegar a desenvolver un problema de saúde mental ao longo da súa vida, senón porque todos, como cidadáns e cidadás, temos aspiracións vitais, soños e desexos por cumprir así como dificultades por superar.

DIVERSAMENTE

Esta plataforma nace para axudar a todas as persoas que nalgún momento das súas vidas sentiron angustia, desesperación, medo, incomprensión, soidade… e é un traballo en equipo creado enteiramente por persoas con problemas de saúde mental