As imaxes

As imaxes, xa sexan fotografías ou vídeos, que os medios escollen para ilustrar as noticias sobre saúde mental, son tan importantes como o texto á hora de ofrecer unha información afastada de estigmas. Poden contribuír a perpetuar estereotipos, pero tamén poden axudar a que a sociedade teña unha percepción máis positiva deste colectivo.

Representar visualmente os problemas de saúde mental pode resultar complexo. Os trastornos mentais non cambian o aspecto físico da persoa, e por tanto son “invisibles” á mirada do lector/a ou do espectador/a. Con todo, esta peculiaridade non debe suplirse con imaxes sensacionalistas que aumenten o estigma.

Unha maneira de non caer na estigmatización é falar da saúde mental en positivo. Por exemplo, tal e como se fixo na campaña “Queremos ser felices” de SALUD MENTAL ESPAÑA ou a campaña “Tu toque especial”, da asociación AGIFES.

QUE IMAXES CONTRIBÚEN Á ESTIGMATIZACIÓN SE SE EMPREGAN CONTINUAMENTE E, POLO TANTO, DEBERÍAN TRATAR DE EVITARSE?

  • Imaxes nas que as persoas aparecen en actitudes pasivas, sen ningún tipo de interacción social.
  • Imaxes que transmiten sensacións como soidade e illamento.
  • Imaxes que transmiten medo, angustia e desesperación.
  • Imaxes que transmiten desequilibrio.

Por exemplo, fotos de persoas coa mirada perdida, tendidas no chan, tapándose a cara, ou en longos corredores escuros con luz ao final, mesmo co rostro e a voz distorsionados.

Estes son exemplos de como desde a Área de Comunicación de SALUD MENTAL ESPAÑA ilustramos conceptos evitando fomentar unha visión negativa da saúde mental.

Como a ti, tamén nos custa atopar imaxes (como ilustrar o invisible?), así que se necesitas axuda, chámanos ao teléfono 9105079248 ou escríbenos a comunicacion@consaludmental.org