No ámbito da saúde mental, aínda existen moitas ideas erróneas e mitos que contribúen a crear estigma nas persoas cun problema de saúde mental. É importante que os medios sexan conscientes de que o tratamento mediático que dan á saúde mental pode evitar a discriminación e contribuír a que sexan cidadás de pleno dereito.
O estigma aparece cando vemos á persoa cun problema de saúde mental como “o outro” ou “a outra”. Facer esa diferenciación entre “elas” e “nós” pódenos conducir a esquecer que 1 de cada 4 persoas ten, tivo ou terá un problema de saúde mental ao longo da súa vida. Todos e todas podemos ser ese “outro” ou esa “outra” nalgún momento das nosas vidas. Ou tal vez o sexa algún familiar, amigo/a ou compañeiro/a de traballo. E con todo, a pesar de ser un problema de saúde tan habitual, as persoas que padecen un problema de saúde mental adoitan aparecer nos medios cualificadas como “perturbadas”, “violentas” ou como alguén a quen temer ou rexeitar.
Os medios de comunicación están formados por profesionais do xornalismo que poden (e deben) concienciarse, a nivel individual, da realidade e diversidade dos distintos colectivos para mostrar á poboación unha imaxe real das persoas con problemas de saúde mental. Pola contra, os comunicadores e as comunicadoras poderían transmitir, de forma inconsciente e como parte da sociedade que son, falsas crenzas e estereotipos que a miúdo perpetúan o estigma cara ás persoas con problemas de saúde mental.
CADA NOTICIA CONTA. CADA ARTIGO É IMPORTANTE.
Aínda que nos últimos anos houbo unha mellora no trato mediático da saúde mental, segue transmitíndose de forma sutil e algunhas veces explícita unha imaxe errónea e negativa dos problemas de saúde mental. En diarios e informativos, estas noticias adoitan aparecer na sección de sucesos, establecendo unha relación entre condutas antisociais e o trastorno mental. Seguen elaborándose titulares a miúdo alarmistas e sensacionalistas. As poucas informacións positivas tenden a ser paternalistas e destacan as carencias e necesidades, pasando por alto as capacidades da persoa. De cando en cando, o problema de saúde mental móstrase como unha circunstancia máis da persoa, en lugar de como a súa calidade fundamental.
Para coñecer unha realidade, non hai mellor maneira que achegarse a ela e dar voz ás protagonistas, que non son outras que as propias persoas con problemas de saúde mental. Por todo iso, os medios (prensa, radio, televisión, internet) deben ter en conta varios factores á hora de elaborar informacións sobre saúde mental: a linguaxe que empregan, as imaxes que escollen para ilustrar a noticia, os temas que elixen e as voces coas que narran.