A saúde mental é un aspecto máis do benestar de cada persoa. Algo que temos que coidar, prestar atención e afrontar se pensamos que nos atopamos ante un problema.

As causas para que apareza un trastorno mental adoitan ser unha combinación de factores xenéticos, da contorna social e de experiencias vividas. Non ten nada que ver con debilidade de carácter, nin é culpa da persoa.

A sociedade cambia, crece e evoluciona, e algo similar sucede no ámbito da saúde mental. Xa se deixou atrás a crenza de que os problemas de saúde mental tiñan exclusivamente unha causa biolóxica.Os problemas de saúde mental son un feito máis na vida das persoas, que se deben abordar centrándonos nas necesidades individuais de cada unha delas, e que por suposto non as definen.

É imprescindible deixar a un lado diagnósticos e etiquetas, e pasar a poñer a nosa atención, esforzo e foco nas múltiples capacidades da persoa.

Debemos deixar de asumir que os problemas de saúde mental son o “todo” na vida das persoas. No seu lugar podemos poñer o foco nas múltiples barreiras ás que teñen que enfrontarse diariamente.

Centrar o noso relato nas capacidades da persoa, e non nas etiquetas, implica potenciar a súa autonomía e responsabilidade, mellorar a aceptación dos problemas de saúde mental na sociedade, e favorecer o seu proceso de recuperación.

MITO:

Os problemas de saúde mental non se curan”.

REALIDADE:

Coa atención e o apoio adecuados, as persoas con problemas de saúde mental poden recuperarse.

E POR QUE É NECESARIO QUE
OS/AS XORNALISTAS O FAGAN?

Ás persoas con problemas de saúde mental non se lles aprecia a primeira ollada ningún problema de saúde. Digamos que pasan desapercibidas entre o resto da sociedade, e unha forma de recoñecelas é a través das etiquetas e/ou diagnósticos que en moitas ocasións aparecen nos medios de comunicación.

Esta acción de etiquetar, aumenta os xa existentes prexuízos e tabús que a sociedade ten sobre a saúde mental. A consecuencia é que, en moitas ocasións, as persoas con problemas de saúde mental e as súas familias ocultan conscientemente este tipo de problema de saúde, o que converte ao noso colectivo en “invisible” para o resto da sociedade.

Ademais, o feito de etiquetar contribúe a incrementar as dificultades que teñen as persoas con trastorno mental para exercer os seus dereitos na sociedade en igualdade de condicións que o resto das persoas. Esta desigualdade xera e desenvolve situacións graves de exclusión social que dificultan de xeito notable que a persoa con problemas de saúde mental sexa vista como un suxeito de dereito. Isto evita o seu acceso aos servizos e, polo tanto, a súa inclusión plena na sociedade.